Revista Galega de Economía (Sep 2018)

A UNIVERSIDADE DE ONTE A HOXE: DA ANTIGÜIDADE Á CALIDADE. SITUACIÓN DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA.

  • José Alberto DÍEZ DE CASTRO,
  • J. Eduardo LÓPEZ PEREIRA,
  • José Carlos de MIGUEL DOMÍNGUEZ,
  • M.ª Emilia VÁZQUEZ ROZAS

DOI
https://doi.org/10.15304/rge.27.3.5438
Journal volume & issue
Vol. 27, no. 3

Abstract

Read online

Érase que se era unha Universidade que se cría que canto máis antiga era, máis valía e así teimaba en abesourar documentos antigos á procura da máis remota orixe posible. Nese ambicioso desexo chegou a imaxinar que nacera en 1088, ata que alguén lle advirtiu que o documento en que se apoiaba era unha clara falsificación medieval e houbo de se conformar con 1188, no mellor dos casos. Pero outras non lle foron detrás e trataron de se igualaren en antigüidade con ela, e a estas alturas nin elas o saben nin nós temos claro cal é a súa antigüidade nin cal delas é a máis antiga. Nin sequera a nosa querida universidade compostelá líbrase de tal sospeita, pois non son poucos os que non comparten que o seu nacemento ou creación se remonte a 1495, como habitualmente se nos fai crer. En todo caso, a Universidade como institución cunha organización formal data da Europa medieval, malia que ten antecedentes nas culturas grega, romana e arábiga. Nas súas orixes xorden como unha evolución das escolas medievais coñecidas como studium generale, que tiñan como misión educar aos empregados e monxes en niveis superiores aos que se ensinaba nas escolas monásticas e catedralicias. Nelas aprendíanse as artes liberais: gramática, lóxica, retórica, xeometría, aritmética, astronomía e música. A continuación, os alumnos tiñan a posibilidade de continuar os seus estudos nunha das facultades superiores: leis, teoloxía e medicina. Este esquema replícase por toda Europa Occidental de forma case homoxénea ata o século XVI no que a contidos se refire, pero con distintas variantes no relativo á administración e xestión da institución, auspiciadas e fundadas por papas, emperadores e reis, que lles permitían gobernarse de forma autónoma, co requisito de non difundir nin o ateísmo nin a herexía. O prezo da autonomía, porén, era que as universidades se debían financiar elas mesmas. Desta forma os profesores cobraban honorarios e, para garantir a súa mantenza, tiñan que compracer aos seus estudantes. Estas primeiras universidades non tiñan edificios permanentes e posuían escasas propiedades, estando suxeitas á perda de estudantes e mestros descontentos que se podían desprazar a outra cidade e estabelecer o seu lugar de estudo aló. Esta foi a causa fundacional dalgunhas das máis prestixiosas universidades europeas.