Revista de Literatura Medieval (Dec 2019)
Os Miragres de Santiago e as súas fontes: estudo sobre a recepción e a difusión do relato de Bernaldus
Abstract
O Liber de miraculis constitúe unha sección destacada do Liber Sancti Iacobi, composta por vinte e dous milagres precedidos dunha introdución. Esta parte coñeceu entidade independente na tradución ao galego na obra os Miragres de Santiago, conservada no único manuscrito coñecido, o ms. 7455 da Biblioteca Nacional de Madrid. A pesar de que o modelo que se ten en consideración para a redacción dos Miragres é o Liber Sancti Iacobi, debemos recoñecer que non se seguiu fielmente o seu programa interior ou a fisionomía narrativa de cada relato, senón que existen omisións, así como interpolacións que son difíciles de precisar. Partindo dos “estudos de conxunto” que, tradicionalmente, foron a maioría no ámbito da indagación das fontes dos Miragres, e animados por unha falta de traballos particulares sobre cada relato miraculístico da colección, o obxectivo da presente contribución é presentar unha análise particular sobre o milagre décimo primeiro do Codex Calixtinus. O fin é o de advertir a súa recorrencia na literatura haxiográfica contemporánea ou posterior, pois esta narración non só chega a traspasar as fronteiras da literatura en linguas vernáculas na súa tradución ao galego nos Miragres de Santiago, senón que se considera un dos relatos merecedores de ser preservados noutras compilacións en latín de moita envergadura. Na parte final, son obxecto de análise tamén as indicacións toponímicas que remiten a un ambiente italiano e que, a través dunha nova lectura, poden suxerir un horizonte de creación deste milagre relacionado coa ruta xacobea.
Keywords