Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación (Oct 2015)
O alumnado axudante como figura chave para a construción dunha convivencia positiva
Abstract
Esta comunicación relata a experiencia do curso de formación de alumnado axudante, levado a cabo con rapaces e rapazas do 1º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) do IES “Parga Pondal” de Carballo, organizado polo propio Centro, en colaboración co Seminario de Emocionalidade, Xéneros e Desenvolvemento Humano (EXDEHU) do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), durante este curso académico 2014/2015. O obxectivo desta actividade era proporcionar ao alumnado, que asiste voluntariamente á formación, os coñecementos básicos relativos ás funcións, destrezas, ferramentas e estratexias de intervención dos e das axudantes. Así, a formación organizouse en dous módulos temáticos: un primeiro sobre as funcións deste alumnado axudante (dun total de 3 horas); e un segundo sobre o adestramento en destrezas e competencias para a función de axudante (de 6 horas de duración). Estas sesións deron como resultado a constitución dun grupo de traballo no que se abordaron diferentes cuestións sobre a vida no centro escolar, os conflitos e a súa resolución, as relacións entre adolescentes e as posibilidades de acción, como alumno ou alumna, para contribuir ao benestar individual e grupal na aula. Poden referirse moitas razóns que fan precisa e pertinente a posta en marcha de sistemas de apoio e axuda entre iguais na ESO, pero fundamentalmente, como resposta ante as necesidades diarias dos centros escolares, estarían: unha atención simétrica e inclusiva á diversidade, a mellora do clima de convivencia a través da autoxestión e resolución dos conflitos, o fomento da educación en valores, e o recoñecemento e a promoción de modelos de comportamento solidarios, colaborativos e positivos entre os rapaces e as rapazas. O alumnado axudante posibilita a posta en valor dun gran recurso humano, o propio alumando, demostrando ademáis que esta ferramenta de sostén entre iguais, a favor da convivencia positiva e respectuosa, promove ese requisito tan fundamental, tanto para a aprendizaxe como para o desenvolvemento integral dos rapaces e das rapazas, a mellora do clima no centro e a cohesión afectiva dos grupos. En palabras de Santos Guerra, cit. en Navarro (2011, 17), “cando existe un conflito, por exemplo, pouco se poderá aprender se as actitudes son disgregadoras”; así, a figura do alumno e da alumna axudante actúa como mecanismo chave para o fomento das aprendizaxes nun contexto de benestar.
Keywords